Pacto polo territorio e furia lexislativa

Xan Duro

Nas últimas semanas cada vez máis persoas asistimos estupefactos ao caos procedemental e lexislativo despregado pola actual administración galega en todo aquilo que teña que ver co territorio, coa súa (des)ordenación e coa xerarquización do corpus lexislativo e normativo nun asunto fundamental e de difícil volta atrás como é definir e regulamentar os usos, prohibicións (si, señor Hernández e Feijóo, a xestión do territorio non se reduce a “ordenar” senón tamén hai que prohibir se queremos salvar o pouco que queda) e autorizacións do conxunto do territorio. Velaí o eixo básico dun concepto do territorio ollado dende a sustentabilidade: o conxunto, a transversalidade e a ollada global sobre o mesmo, do amplo ao concreto.

Mais as administracións, e a Xunta actual semella unha alumna avantaxada, adoitan inverter esta dinámica e formulan a ordenación do territorio do concreto ao global, adaptando sucesivamente as leis de rango maior aos planos sectoriais de rango normativo aprobados en primeiro lugar.

Só dende esta óptica curtopracista e miope, desenvolvida a golpe de lobbie e intercambio de favores, podemos albiscar a orixe deste proceso destrutor, desartellador e desvertebrador do territorio, no que se inicia o proceso de elaboración dunhas Directrices de Ordenación do Territorio, a “Carta Magna” do territorio galego, á vez que se aproban planos sectoriais, se establecen planos estratéxicos para infraestruturas e rifan reformas da Lei do solo.

Continue reading ‘Pacto polo territorio e furia lexislativa’

Un máis un son tres

Adrián Serantes Tobío

 

Despois deste título preguntaraste de que vai este artigo, sigue lendo se che parece. Gran parte da mocidade vivimos con incerteza o noso futuro, es ti un deles? Malia ser un dos primeiriños estudantes en sufrir a ESO, ben sei que un máis un non dá tres. Aínda así, ese debería ser o resultado axeitado cando che intento falar de cooperación para o desenvolvemento. Que de que vai iso? Agora cho explico.

 

Acotío, empregamos a cooperación coma un xeito de colaboración entre unha ou varias partes para obter unha mellora de calquera tipo, o froito desa unión axuda ao desenvolvemento mutuo. En cru, cústame entendelo ata a min. Dous exemplos. No eido laboral, repartindo pizzas nunha moto para unha cadea de restaurantes, obtés un salario medianamente axeitado a cambio do teu traballo; ambas as partes benefícianse. No persoal, fornicando con xeito, con condón, por exemplo, obterás pracer sexual de proveito. En resumidas contas, as máis das veces para poder conquerir unha mellora nas nosas vidas é necesario dar algo a cambio. Ademais disto, e para que a cooperación sexa efectiva, o trato entre as partes ten que producirse en igualdade. Claro que a teoría dista moito da práctica, non si?

 

Se che preguntase a que asocias cooperación para o desenvolvemento no eido internacional, que responderías? Non perdas tempo a matinar e sigue a ler, anda! As grandes potencias, isto é, os principais estados do denominado primeiro mundo, eses si que sabes cales son, deron en crear nos seus gobernos áreas para a cooperación, para o desenvolvemento, para axudarlles aos denominados estados do terceiro mundo, estes son os estados pobres, coa finalidade de saír do seu atraso. A principal característica é que este tipo de axuda se distribúe segundo o principio de solidariedade. Que significa isto? Pois que os estados ricos que lles proporcionan axuda aos pobres fano sen esperar nada a cambio. Segundo o dito no primeiro parágrafo, paréceche isto certo? Rotundamente non. A denominada cooperación non é tal, non existe unha situación de igualdade previa. Os medios de comunicación alertan das graves desigualdades que existen no planeta sobre a concentración da riqueza en moi poucas mans e as graves necesidades que disto se deriva en poboacións pobres. Ante isto, asegúroche que calquera pretensión dun goberno ou institución privada, tamén hai empresas, de axudar ás persoas pobres é menos que unha farsa, sempre hai intereses mediante. Cales poden ser os intereses para realizar este tipo de accións? Diversos son, a maioría delas de tipo económico, pero sempre teñen o mesmo denominador común, isto é, o control dese territorio para a súa explotación ou enriquecemento. Denomínase neocolonialismo, ou novo colonialismo, e desta volta o control non é exercido por estados, senón por multinacionais que controlan eses estados e pretenden obter beneficios neses territorios subdesenvolvidos.

 

Chegados ata este punto, e se aínda non quedaches a durmir lendo, como mínimo andarás a matinar as razóns polas que me dirixo a ti. Vou ao gran do asunto. Intentarei ser claro. O pasado mes de xullo participei xunto con outras cinco persoas nun proxecto de sensibilización chamado Xanela Aberta ao Sur (http://amaranteong.org/xanela/) que desenvolve Amarante en varios países do sur.

 

Varios eran os destinos posibles, eu fun no grupo de Marrocos a unha cidade no norte, Tánxer. Durante a nosa estancia convivimos na asociación de mulleres traballadoras na industria téxtil que cosen prendas para as industrias que venden nas cidades onde nós vivimos. É necesario mencionar que os marroquís teñen un estado que non coida dos seus intereses, poderíase dicir que sucede ao contrario, os marroquís teñen que coidar os intereses do estado pagando un alto prezo en forma de represión de liberdades e problemas sociais básicos. O control relixioso e a man dura son ferramentas habituais para ter “tranquila” a poboación mentres se produce a verdadeira cooperación para o desenvolvemento. O goberno marroquí está levando a cabo unha occidentalización senlleira permitíndolles ás multinacionais estranxeiras o control dos recursos do país a cambio de contrapartidas económicas concentradas.

 

Só na cidade de Tánxer, as subministradoras de electricidade e auga sanitaria son multinacionais francesas, e a que recolle o lixo é española. Que quere dicir isto? Que os recursos da poboación están en mans estranxeiras e son un elemento de control e presión. E que pintan aquí os gobernos? Nada, ou case nada, na situación entre os gobernos de Marrocos e España a cooperación para o desenvolvemento ten unha misión de contención dos fluxos migratorios da África subsahariana, é, por así dicilo, o que fai o traballo sucio saltándose dereitos humanos e silenciando unha situación de extrema gravidade. Os gobernos son hoxe en día vasalos das multinacionais e funcionan como actores mediáticos, para ter os cidadáns españois tranquiliños e contentos e canto menos se saiba mellor. A poucos quilómetros da cidade de Tánxer están aparecendo moitas das industrias deslocalizadas que pechan en España, casualidade?

 

Fai falla que che conte máis para que te deas conta do verdadeiro uso da axuda ao desenvolvemento que fai en realidade o goberno no noso estado. Se investigases un pouco máis, chegarías á conclusión de que se trata dun problema xerado por nós mesmos. O sistema económico no que vivimos está baseado no consumo de produtos, para que isto suceda as empresas que os fabrican teñen que ofrecer novas cousas que mercar, cada vez a prezos máis baixos para que o produto sexa atractivo á compra. E ademais disto, obter beneficios, razón pola cal moitas das empresas están pechando preto da nosa contorna e marchan a un novo polígono industrial a Marrocos, onde os custos de produción son moito máis baixos. A parte menos agradable de cando estiven aló, é cando coñeces algunha das obreiras que traballan nos talleres e falan da situación laboral que viven acotío, as condicións laborais que padecen, os inexistentes dereitos que posúen provócanche unha sensación de impotencia, de incapacidade ante a que o mellor que podes facer é escoitar e reflexionar.

 

Temos que cambiar o noso xeito de vivir. Non sei se estarás de acordo comigo, mais penso que os mozos hoxe en día posuímos demasiadas cousas e non as sabemos valorar. A vida é demasiado rápida para pararse a pensar de onde veñen e a onde van as cousas que mercamos e tiramos cando xa non serven. Compramos continuamente produtos que non serven ren. Es consciente disto? Ata hai pouco eu non, a situación de desemprego dáche tempo para pescudar o porqué destas cousas, mira ti que cousa! Sabes como se fabrica un pantalón? Cantos pares son necesarios para a vida cotiá? Pensa e fala con outros sobre isto, existen alternativas e xeitos de vida máis sinxelos para acadar un mundo máis igualitario, responsabilízate dos teus actos e sé partícipe do cambio, intenta ver máis aló da túa realidade.

 

* Participante do proxecto Xanela aberta ao Sur

 

 

Copenhaguem acrecenta o fracaso de Quioto

Tom Kucharz

 

Fracaso rotundo disfrazado de acordo plural, o cumio de Copenhague evidenciou a imposibilidade de enfrontarse á crise climática sen plantexar un cambio de modelo económico.

 

Dúas semanas de negociacións da 15 Conferencia das Partes (COP- 15) da Convención Marco de Nacións Unidas sobre Cambio Climático crearon un escenario político que permite, polo menos, dúas reflexións. Primeira: fracasou o “multilateralismo”, baseado na dominación das grandes potencias xeopolíticas como Estados Unidos e a Unión Europea, e crece o número de países que xa non se deixan chantaxear polo G-7 ou o G-20. Atópase en perigo o carácter multilateral da Convención Marco da ONU e a participación igualitaria de todos os países do mundo. Segunda, evidenciouse que a loita contra o cambio climático só é viable a partir dun cambio do sistema económico e resulta esencial desenvolver enfoques alternativos ás políticas climáticas ate agora dominantes.

Continue reading ‘Copenhaguem acrecenta o fracaso de Quioto’